martes, 7 de xuño de 2016

Saída ao observatorio Ramón Mª Aller

O pasado xoves 26 de maio tivemos a esperada saída ao observatorio Ramón Mª Aller en Santiago de Compostela. Aproveitando que tiñamos que desprazarnos á capital fomos facer unha visita ao Museo de Historia Natural, ao CACTUS e puidemos dar un paseo pola zona histórica e achegarnos á fermosa Catedral.

No Museo de Historia Natural solicitamos unha visita guiada o cal nos serviu para entender mellor as características das coleccións e a configuración dos diferentes espazos. Deste xeito primeiro fixemos un repaso da clasificación dos reinos animais e vexetais cos exemplares disecados que alí teñen.


Tamén puidemos aprender sobre un ecosistema de río, outro de acantilado e outro de fraga típicos de Galicia.



Percorremos as diversas especies marinas: algas, peixes, crustáceos e moluscos.




Tamén nos abraiamos coa fermosa colección de minerais que teñen.



E non puidemos resistirnos a sacar unha foto coa colección de meteoritos clasificada pola súa procedencia.



E como peche a colección de animais dos distintos puntos do planeta.

 

Despois o alumnado de bacharelato e dúas das profesoras tiveron a oportunidade de visitar o edificio CACTUS (Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico da Universidade de Santiago). Este edificio reúne diversas unidades de análise de mostras, con técnicas complementarias unhas doutras, e moitos especialistas de múltiples disciplinas colaborando en traballos comúns, como a determinación da autenticidade ou antigüidade dunha obra de arte, a resolución de posibles litixios legais, a determinación da estrutura e actividade dun fármaco, etc.


Alí estivemos na unidade de difracción de raios X, onde nos explicaron o proceso de medida da estrutura e composición dun cristal. Ademais, visitamos a unidade de resonancia magnética nuclear (RMN), onde se estuda tamén a composición de mostras a través da aplicación de campos magnéticos e radiofrecuencias, e a unidade de microscopía, onde os nosos alumnos puideron ver os microscopios electrónicos de alta resolución que permiten a observación na escala dos nm (1nm=0,000000001m).
Nesta foto podemos ver un destes microscopios electrónicos:




Mentres, o alumnado de ESO fixo un percorrido pola zona histórica ata a Catedral guiados por as outras dúas profesoras do grupo.

Pola tarde chegou a visita máis esperada, puidemos visitar o Observatorio Ramón Mª Aller. Alí amosáronnos as instalacións e explicáronnos para que serven os diferentes utensilios que teñen: os reloxos e telescopio que empregaba Ramón Mª Aller nas súas observacións; o pluviómetro e o barómetro; o reloxo atómico, moi importante para localizar os obxectos no firmamento; os diversos telescopios, e as dúas cúpulas onde teñen instalados outros dous telescopios, un deles é o máis potente de Galicia e dos máis potentes da Península.



Ademáis os encargados do observatorio explicáronnos os proxectos nos que traballan agora mesmo, como a observación e estudo dos sistemas binarios de estrelas. E tamén tivemos a oportunidade de consultar as nosas dúbidas co que xurdiu un interesante debate sobre os exoplanetas habitables, que houbo antes do big bang, que hai máis alá dos confíns do universo, as teorías sobre a expansión ou contracción do mesmo ou a existencia dun multiverso.




Que máis se pode pedir?




domingo, 5 de xuño de 2016

Obradoiro no CEIP A Pedra

O xoves 19 de maio tivemos o pracer de asistir como científicos ao CEIP A Pedra. Os nosos rapaces fixéronse cargo dos experimentos que aprenderon a semana pasada no laboratorio de física e mostráronllos ao alumnado de 6º de Primaria.

Se queredes coñecer máis polo miúdo os experimentos podedes pinchar aquí onde explicamos como foi a primeira sesión desta actividade.

 A experiencia novamente foi moi grata e esperamos seguir compartindo estas e outras actividades co CEIP A Pedra.










mércores, 1 de xuño de 2016

Obradoiro no IES: "A luz na astronomía"



O pasado venres, 13 de maio, celebramos no IES un obradoiro para o grupo de astronomía, sendo o tema central “A luz na astronomía”. Nel intentamos aprender un pouco sobre as ondas e como o coñecemento das propiedades da luz nos permite adentrarnos na investigación acerca do Universo. Pareceunos un tema interesante, pois o ano 2015 conmemorábase o Ano Internacional da Luz e Tecnoloxías asociadas coa Luz.
Para abrir boca, deixamos aquí un dos vídeos que proxectamos un mércores astronómico no recreo, e que ten que ver con este tema.



Ademais, este 2016 detectáronse ondas gravitacionais procedentes da colisión de dous buratos negros (tedes unha entrada anterior neste mesmo blog), polo que nos parecía interesante falar un pouco sobre as ondas.
Con este obxectivo, iniciamos o obradoiro cunha breve exposición dos paneis explicativos que os alumnos podían atopar nas mesas do laboratorio. Despois pasamos aos experimentos, que sempre é o que máis lles gusta aos nosos astrónomos.
 

  Comezamos con experimentos con ondas mecánicas que nos permitiron coñecer os conceptos de frecuencia e lonxitude de onda e a súa relación coa enerxía que transporta a onda. Fixémolo con cordas e resortes. 

 
  A continuación, pasamos a identificar o son como unha onda semellante á do resorte, pero que se transmite a través das partículas do aire. Para elo, traballamos con diapasóns manuais (de xeito que se puidese ver a vibración das ramas e o fenómeno da resonancia) e electrónicos (para atopar a relación entre altas frecuencias e sons agudos). Tamén puidemos comprobar como as cordas da guitarra soan máis agudas ao aumentar a súa tensión e como a lonxitude da columna de aire fai cambiar o son nun tubo con auga.

Unha vez traballadas as ondas mecánicas, pasamos a describir a luz como onda electromagnética. Tras unha explicación sobre o espectro electromagnético, os rapaces puideron comprobar como a luz branca pode descompoñerse nas cores do arco da vella (prisma refractor e difracción nos surcos do CD) e como as cores poden xuntarse para formar a luz branca (disco de Newton). Ademais, puideron observar o fenómeno da fluorescencia coa lámpada UV.

Por fin pasamos a como se aplican os coñecementos sobre a luz ao estudo do Universo:
En primeiro lugar, falamos e experimentamos co efecto Doppler e explicamos como este serviu para descubrir a expansión do Universo ou para detectar estrelas binarias que se achegan e afastan periodicamente de nós.

Ademais, decatámonos de como a atmosfera dos planetas inflúe sobre a luz que a atravesa. Como exemplo, experimentamos sobre as cores do noso ceo recreando o amencer e o solpor.

Tamén fixemos fincapé no estudo das sombras dos obxectos na Terra para coñecer a súa curvatura (Eratóstenes), nas eclipses como método para coñecer os tamaños e distancias da Terra, Sol e Lúa e a aplicación das sombras para a medida do tempo. Lembramos así o anterior obradoiro sobre reloxos de Sol, construindo reloxos horizontais sobre o globo terráqueo para observar as sombras que vai proxectando o gnomon coa rotación terrestre a diferentes latitudes.

Por último, experimentamos sobre a refracción e reflexión da luz coa axuda de lentes e espellos. Decatámonos así de que podemos torcer, redirixir e achegar os feixes de luz como queiramos, e isto permítenos fabricar telescopios para observar o Universo. Tras observar o comportamento das lentes converxentes, fabricamos un telescopio refractor sinxelo coma os primeiros de Galileo.

Estes experimentos tiñamos que comprendelos ben, porque a semana seguinte debiamos explicárllelos aos alumnos de 6º de primaria!!

As profes do grupo de astronomía agardamos que disfrutasedes moito xogando coa ciencia, e que vos quedasen ganas de máis!!!

martes, 31 de maio de 2016

Observatorios españois

Pola súa especial situación xeográfica e o seu favorable clima, España é un lugar perfecto para a observación astronómica, o que axuda á creación de diferentes observatorios astronómicos profesionais ao longo e ancho de todo o seu territorio, tanta na Península Ibérica coma nas súas illas.


Algúns dos máis coñecidos son:

El Roque de Los Muchachos (La Palma, Illas Canarias, España)Fonte: http://www.iac.es/

Entrada realizada por Noa, Alexandra e Mireya.

luns, 30 de maio de 2016

O Zodíaco

O zodíaco foi orixinario do ano 2000 a.C. e foi inventado polos babilonios co fin de determinar o paso do tempo. O nome de zodíaco provén da palabra grega zoon cuxo significado é animais.

Cada constelación zodiacal ten a súa historia, polo que se puxo cadanseu nome. Esta proposta de poñerlle nomes ás 12 constelacións veu de parte de Isaac Newton. Por exemplo, libra provén do mito que se atribúe a Dice, deusa da xustiza. Antigamente, en representacións romanas, estaba representado Xulio César portando unha balanza, aínda que co paso do tempo eliminouse ao emperador romano e quedou soamente a balanza como símbolo de poder e xustiza.

Realmente o zodíaco da astroloxía non está composto polas constelacións zodiacais, senón polos signos astrolóxicos que forman o chamado horóscopo. As constelacións do zodíaco son os grupos de estrelas cortados polo plano da órbita da Terra, e os signos son arquetipos (na memoria) cos que os astrólogos definen a personalidade das persoas e están asociados a 12 meses astrolóxicos de máis ou menos 30 días do ano.

                                                       Fonte: dreamsteam

Entrada realizada por Sandra

xoves, 12 de maio de 2016

Na procura dos reloxos de sol





De forma case casual, descubrimos que en Bueu hai (ou había) unha gran cantidade de reloxos de sol. Fixádevos no seguinte inventario para a provincia de Pontevedra tomado desta ligazón. É bastante sorprendente, non vos parece?




Así que os nosos pequenos astrónomos foron á procura deles:


RELOXO Nº 1 (Sandra e Natalia)

Situación: A Carrasqueira, 27B (Pazo de Santa Cruz)

Orientación do reloxo: sur - sureste


Antigamente, este hórreo co reloxo de sol estaba situado preto da praza de Abastos de Bueu. Foi comprado polos donos do pazo de Santa Cruz cando foi reconstruído o pazo. Co cambio de lugar do hórreo, perden dúas patas que actualmente só ten seis. O reloxo de sol ten unha característica pouco habitual, xa que se pode ver por tres lados diferentes.


RELOXO Nº 2 (Cristian e Eugenia)

Situación: Soutelo, 15

Orientación do reloxo: suroeste

O reloxo está colocado nun hórreo de pedra.  O hórreo pertence á familia Martínex Castro. Descoñécese cando se colocou o reloxo, pois cando a familia propietaria mercou a casa, xa estaba posto. Podería ter case cen anos ou máis. O hórreo non ten ningunha inscrición visible nin escudo.





RELOXO Nº 3 (Andrea e Sara)

Antiga situación do reloxo: casa ao lado da cafetería Xardín (Montero Ríos)

O reloxo estaba situado nun hórreo. O hórreo no que estaba o reloxo foi trasladado a unha finca dos propietarios en Cangas.


RELOXO Nº 4 (Salvador e Giusseppe)

Situación: Casa Videira

O reloxo está colocado nun hórreo. O hórreo está practicamente na entrada do lugar. O reloxo non ten agulla. Descoñécese a data de construción do hórreo e do reloxo.




RELOXO Nº5
O noso experto en reloxos solares, César, de Astrovigo, descubriunos, no pasado taller de reloxos solares, este interesante reloxo cilíndrico  situado no porto de Bueu. Saberá a xente que se trata dun reloxo de sol? (imaxe tomada de Astrovigo)
IMG_2632


RELOXO Nº 6 (Alexandra, Noa e Mireya)

Situación: A Roza, nº 54

Orientación do reloxo: norte.

O reloxo está colocado no chan. Colocouse en 1924. O reloxo ten un cabalo.


RELOXO Nº 7 (Alexandra, Noa e Mireya)









domingo, 24 de abril de 2016

Día do libro

Dende o Grupo de Astronomía non quixemos deixar de facer a nosa pequena contribución ao Día do Libro, lembrando a tres grandes clásicos da Ciencia Ficción que soñaron e escribiron sobre planetas ficticios, sobre a Lúa e aventuras espacias. Aquí vos deixamos un pequeno resumo e unha foto:

Xulio Verne. Na súa novela Da Terra á Lúa imaxinou un viaxe espacial á Lúa e, anos despois, cando este viaxe se fixo realidade, as similitudes entre a viaxe real a ficticia resultan apabullantes.

Arthur C. Clarke. Como dato anecdótico, este gran escritor estaba tan fascinado pola Astronomía que, cun telescopio caseiro, debuxou un mapa da Lúa. En Cántidos da alonxada Terra fantaseou coa vida noutro planeta tra-la destrución da Terra, nunha novela enchida de alusións á música, empezando polo seu título. Mike Olfield inspirouse nesta novela para crear un álbum en 1994. A súa novela 2001: unha odisea espacial foi levada ao cine por Stanley Kubrik.

Isaac Asimov. Que pasaría se existise un planeta con seis soles, de xeito que en todo momento do día polo menos un deles alumee no ceo? Se queres descubrilo, non tes máis que ler Anoitecer.